A mellora da estrada de Tomeza, pendente da sinatura do convenio entre o Concello e a Deputación

Pontevedra
02 de xuño 2023

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres a cesión ao Concello de Pontevedra de 364.738 euros dos 1,74 millóns que vale a obra e que serán financiados polo goberno provincial

Un grupo de peregrinos pola estrada de Tomeza
Un grupo de peregrinos pola estrada de Tomeza

O proxecto de mellora da mobilidade peonil da estrada de Tomeza está xa na "rampla de saída". Así o anunciou este venres o vicepresidente da Deputación de Pontevesdra, César Mosquera tras presidir a Xunta de Goberno provincial, na que se aprobou a cesión por parte da Deputación ao Concello de 374.738 euros dos 1,74 millóns que custará a obra e que serán financiados polo organismo provincial mediante un convenio de colaboración.

O vicepresidente Mosquera destacou que todos os grupos estiveron de acordo no seu momento en impulsar o proxecto, polo que manifestou o seu convencemento en que sairá adiante. 

Confirmou que está todo o expediente listo para a sinatura do convenio e a licitación, aínda que recoñeceu que co cambio de Corporación probablemente teña unha demora dun ou dous meses. 

"Está xa na rampla de saída. Agardemos que se empecen as obras a principios do ano que vén. Hoxe trouxemos o tema á Xunta de Goberno porque estimábase absurdo non facelo", subliñou.

O vicepresidente destacou que a actuación na estrada provincial  EP-0002 Marco-Tomeza-Figueirido, coincidente co Camiño de Santiago, mellorará 2,5 quilómetros "de maneira ambiciosa", creando unha senda peonil de 2,5 metros de largo pola marxe esquerda. Nas dúas zonas nas que o ancho da vía non permite o ancho mínimo da senda construirase unha plataforma única de coexistencia. 

Doutra banda, tamén serán colocados pasos de peóns elevados nalgúns puntos para facilitar a unión das vivendas con esta senda, amais de lograr un calmado do tráfico na vía, polo que será unha actuación integral.

O custe total do proxecto é de 1.744.347 euros, dos que 19.836 euros serán para o pago das cesións e expropiacións, que deberá asumir o Concello, ao igual que a xestión de licencias e autorización doutros organismos.