Boas novas para os veciños da Lama. A Xunta de Galicia anuncia que licitará, antes de que remate este mesmo ano, a primeira fase das obras de mellora da estrada PO-235 ao seu paso por este municipio pontevedrés.
Para executar esta primeira actuación, o goberno autonómico investirá 600.000 euros.
Tras distintas reunións, finalmente acadouse que o proxecto nesta estrada quedase dividido en tres partes, priorizándose un primeiro treito, entre Antas e Seixido.
As actuacións levaranse a cabo entre os puntos quilométricos 15,500 e o 15,740, onde se ampliará o pontón sobre o regueiro de Xesta, co fin de acadar un ancho de oito metros e mellorando as curvas existentes antes e despois desta infraestrutura.
Así mesmo, traballarase entre os puntos quilométricos 17,200 e 17,900, en Seixido.
A responsable de Infraestruturas do executivo autonómico, Ethel Vázquez, indicou tamén que se realizará o ensanche e mellora da plataforma, a reposición da drenaxe da estrada e construción de gabias de seguridade e a renovación da capa de rodaxe.