A mellora do colector do Río Lameira será a próxima obra de importancia que ten prevista o Concello de Marín, segundo anuncian as fontes municipais. Estes traballos realizaranse a través dun convenio coa Xunta de Galicia, formalizado con Augas de Galicia.
O proxecto contempla a mellora de toda a rede de sumidoiros que se atopa na contorna deste río. A idea é reducir os problemas de infiltracións de augas do Lameira, que provocan unha sobrecarga continua. A intención é que as augas costeiras nos arredores da estación de puradora tamén melloren os obxectivos ambientais establecidos para as augas de baño.
Augas de Galicia encargarase do proceso de contratación e a xestión do proxecto, ademais a Xunta tamén afrontará as expropiacións dos terreos que se poidan necesitar para executar todo esta actuación.
O orzamento ascende a 3.950.000 euros. Augas de Galicia achegará 3.600.000 euros en tres anos mentres que o resto do investimento será realizada con fondos municipais.
Marián Sanmartín, concelleira de Medio Ambiente, entende que é "vital" a posta en marcha deste convenio ao tratarse dunha das grandes obras de saneamento que se atopaba pendente desde hai moitos anos.
A concelleira considera moi positivo o balance realizado en materia de saneamento durante os últimos anos, despois de que este mesmo mes recibira a obra do colector da Avenida de Ourense.
A estas grandes obras, o goberno local de Marín suma tamén as melloras na rede de saneamento que se fan en diversos viais do municipio como é o caso de Concepción Arenal, a Rúa do Tombo, a Rúa Estrada e a Rúa Camiño Vello de Seixo, actualmente en execución.