A mellora enerxética chega aos xulgados de Marín

Marín
08 de novembro 2022

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, visitou este martes o edificio para informar dunhas obras que consisten en renovar as carpinterías, a iluminación, o vestíbulo e a cuberta

Edificio xudicial de Marín Mónica Patxot

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni Albert, visitou o edificio dos xulgados en Marín, para informar das obras de eficiencia enerxética que se licitaron este martes cun orzamento de case 262.000 euros. A previsión é que as actuacións de mellora comecen a finais de ano e se prolonguen durante tres meses.

Segundo sinalou o director xeral, o obxectivo é poñer á disposición do persoal e da cidadanía un edificio eficiente enerxicamente e que garanta a prestación de servizos nas mellores condicións de confort. Trátase de conseguir “unha optimización das instalacións e de reducir o consumo asociado á súa utilización”, apuntou.

Así, vanse retirar todas as carpinterías existentes, para a súa substitución por outras novas, ao igual que a iluminación. Tamén se vai modificar o acceso principal coa instalación de cortaventos e dunha porta automática. A maiores, vaise reparar a cuberta, coa incorporación de illamento no falso teito.

Na licitación da obra teranse en conta diversos criterios como a oferta económica, a redución do prazo de execución, medidas de promoción da conciliación ou o control de calidade, entre outros.

O prazo para a presentación de ofertas é ata o 5 de decembro, 26 días naturais a partir de mañá, día seguinte ao da publicación do anuncio no portal de contratos públicos de Galicia.

No seu percorrido polas instalacións, José Tronchoni salientou o compromiso da Xunta coa mellora das infraestruturas xudiciais, ás que destinará nos orzamentos do vindeiro ano 1,6 millóns só para obras de eficiencia enerxética.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora