A memoria e a realidade LGTBIQ+ chega a catro institutos da cidade con 'Identidade' e Nee Barros

Pontevedra
04 de xuño 2021

O ciclo 'Transformando o Mundo', impulsado pola Concellería de Igualdade dentro do programa municipal Pinto e Maragota co obxectivo de levar a memoria e a realidade LGTBIQ+ aos centros de secundaria, chegará a vindeira semana aos institutos Luis Seoane, Montecelo e Sánchez Cantón e ao CIFP Carlos Oroza

Nee Barros
Nee Barros / Concello de Pontevedra

O ciclo 'Transformando o Mundo', impulsado pola Concellería de Igualdade dentro do programa municipal Pinto e Maragota co obxectivo de levar a memoria e a realidade LGTBIQ+ aos centros de secundaria, chegará a vindeira semana aos institutos Luis Seoane, Montecelo e Sánchez Cantón e ao CIFP Carlos Oroza.

O alumnado destes catro centros participará nunha rolda de charlas-coloquio artelladas en torno á obra de teatro xuvenil 'Identidade', que trata as temáticas da diversidade, a liberdade e a realidade trans. O responsable de impartilas será Nee Barros Fernández.

O alumnado visualizará un vídeo e despois establecerase unha conversa a través de preguntas sinxelas e sen xulgar as súas respostas. Partindo das respostas, Nee Barros explicará unha serie de conceptos básicos sobre a realidade LGTB, relacionándoos coa súa obra, sempre a xeito de conversa e buscando a interacción.

Na segunda parte desta charla, o alumnado será o encargado de facer as preguntas, escribíndoas nun papel e plantexando consultas breves que permitirán que as dúbidas concretas sexan resoltas. A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, amósase convencida de que "o anonimato motivará que os rapaces perdan a vergonza, obtendo así mensaxes máis axustadas á realidade, tanto positivas como negativas".

Ademais, as respostas non serán criminalizadas, senón que se pedirá ao propio alumnado que desmonte as opinións discriminatorias, quedando así os conceptos máis asimilados e traballándose a exposición de opinións críticas en voz alta.

Trátase dunha actividade que o autor xa se puxo en práctica no curso 2019-2020 con estudantes de primeiro curso de ESO do IES Frei Martín Sarmiento e, debido ao seu éxito, o proxecto foi chamado a participar no II Congreso Pinto e Maragota pola Diversidade Sexual organizado polo Concello de Pontevedra.

As charlas darán comezo o vindeiro luns 7 de xuño no IES Luis Seoane, continuando o mércores 9 no CIFP Carlos Oroza, o xoves 10 no IES Montecelo e venres 11 no IES Sánchez Cantón.

Ademais, Yoya Blanco avanza que xa confirmaron o seu interese en celebrar estas charlas-coloquio no mes de setembro o CIFP A Xunqueira e os IES Torrente Ballester, A Xunqueira II e Frei Martín Sarmiento.