A mobilización feminista do 8-M empeza a debuxarse en Pontevedra

Pontevedra
23 de febreiro 2019

Un grupo de integrantes da plataforma de colectivos feministas Galegas 8M en Pontevedra asistiu a un obradoiro de elaboración de cartaces e pancartas para as manifestacións que se realizarán o domingo 3 de marzo en Lugo e o venres 8 de marzo en Pontevedra

Obradoiro de pancartas para a mobilización feminista do 8M
Obradoiro de pancartas para a mobilización feminista do 8M / Mónica Patxot

Pontevedra xa quenta motores para a mobilización feminista do vindeiro 8 de marzo, que se prevé que sexa tan multitudinaria, ou mesmo máis, que a realizada en 2018. Este venres, os lemas e mensaxes que presidirán a xornada de reivindicacións empezaron a debuxarse xa nun obradoiro realizado na Casa da Luz

Un grupo de integrantes da plataforma de colectivos feministas Galegas 8M en Pontevedra asistiu a un obradoiro de elaboración de cartaces e pancartas para as manifestacións que se realizarán o domingo 3 de marzo en Lugo e o venres 8 de marzo en Pontevedra.

De cara ao 8 de marzo, Galegas 8M organiza en Pontevedra unha concentración "sen siglas" na Praza da Ferrería ás 13.00 horas na que dúas  feministas históricas da cidade lerán o manifesto elaborado pola plataforma a nivel galego para este ano.

Xa pola tarde, ás 20.00 horas, a plataforma feminista convoca unha manifestación polas rúas da cidade que partirá da Praza do Hospital e rematará na Alameda de Pontevedra.

Durante toda a xornada, hai convocada unha folga de traballo, de coidados, estudantil e de consumo e tamén convocou unha manifestación o sindicato CIG, que partirá ás 12.00 horas da praza da Peregrina.

Tanto os colectivos feministas de Pontevedra como o propio Concello ofrecen tamén a posibilidade de asistir á manifestación nacional que se celebrará en Lugo o domingo, 3 de marzo, en autobús. A viaxe organizada pola administración local será gratuita e a inscrición realizarase no propio Concello. No caso da que está a xestionar Galegas 8M, o prezo dos bonos de transporte é de oito euros e están dispoñibles nas librarías Paz e Metáfora da cidade.

A Asemblea Galegas 8M formouse en decembro de 2017 co obxectivo de reflexionar e a traballar nun Día das Mulleres a nivel galego que sexa o máis diverso, horizontal e inclusivo posible. Esta asemblea está formada por decenas de colectivos, plataformas e organizacións feministas e mulleres a título individual e ten carácter itinerante, realizando as súas xuntanzas en distintos puntos da xeografía do país.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora