A Mostra da Parodia recolle con retranca a compra de Santa Clara, as galas no rural ou as partidas de petanca

Pontevedra
25 de febreiro 2023

Unha noite máis, centos de persoas achegáronse ás diversas prazas do centro histórico onde se desenvolvían as escenas humorísticas de varios grupos que ofreceron os seus espectáculos durante a noite deste venres facendo fronte ao frío e á chuvia

XXVI Mostra da Parodia - Entroido 2023
XXVI Mostra da Parodia - Entroido 2023 / Mónica Patxot

A noite deste venres foi de diversión nalgunhas das principais prazas do centro histórico coa vixésimo sexta edición da Mostra da Parodia

A partir das 22.30 horas, as diferentes agrupacións iniciaron os seus espectáculo parodiando determinadas escenas recoñecibles como a compra do Concello de Santa Clara na que non faltaban os balóns recuperados na leira das clarisas; as partidas de petanca entre persoas maiores na contorna da Alameda; as galas musicais do rural ou o tren da bruxa das festas da Peregrina, entre outros.

As propostas previstas, segundo a organización, repartíanse con Os do Val do Lérez na Praza do Concello; Vamos a Todo nos Soportais da Ferrería; As sonecas van de Festa, na praza da Peregrina; Os das  pistas en casa Alcalde; o Equipo Ja na Praza de Ourense; a Parodia PTV situáronse en Manuel Quiroga; e, por último; na praza da Ferrería mostraron a súa alegría os integrantes de Las Flores de Carnaval.

Numeroso público, malia o frío e a choiva que irrompeu a partir das 23.00 horas, seguiu esta tradicional mostra de retranca sobre situacións divertidas do municipio.

Ás 01.00 horas entregáronse os premios que foron os seguintes: Os das Pistas levaron 1.300 euros de premio e o galardón Ravachol 2023; Equipo Ja obtivo 1.000 euros, igual que Vamos a Todo. Pola súa parte Val do Lérez, As sonecas van de festa e Las Flores del Carnaval obtiveron 700 euros.

FALECEMENTO DE RAVACHOL

Este sábado conclúen os actos festivos do Entroido pontevedrés con actividades desde as 12.00 horas coa recreación da botica de Perfecto Feijoo e a actuación de Lajhareu e Os Alegres. Media hora máis tarde celebrarase unha sesión vermú na praza da Verdura coa participación de catro murgas. 

E a situación sanitaria ha terminado coa vida do loro Ravachol nas últimas horas. A partir das 18.00 horas, a praza da Verdura acollerá o velorio. E ás 21.00 horas o cortexo fúnebre percorrerá o centro histórico ata a súa queima na praza da Ferrería coa participación dun séquito liderado por comparsas locais.

Na praza da Ferrería celebrarase un espectáculo necrolóxico coa danza da morte a cargo da agrupación Celme e a interpretación dunha saeta por parte de Val do Lérez e pasacalles das comparsas. 

Tamén neste sábado, ás 22.30 horas, celebrarase o baile de disfraces no centro cultural O Burgo.