A nova cuberta da escola de Cangrallo custará preto de 25.000 euros

Barro
18 de setembro 2020

O proxecto foi adxudicado á empresa de construción Antonio Pombo Quintáns por ser a que presentou a mellor oferta. Ademais do cambio de cuberta realizaranse outras pequenas melloras coas que se ganará amplitude nunha das aulas deste local social

Antiga escola de Cangrallo, en Barro
Antiga escola de Cangrallo, en Barro

A reforma integral da antiga escola de Cangrallo segue a dar pasos en firme. O Concello de Barro anunciou que cambiará a cuberta do inmoble, moi deteriorada polo paso do tempo.

Nesta actuación, o goberno municipal investirá 24,564,89 euros do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

O proxecto foi adxudicado á empresa de construción Antonio Pombo Quintáns por ser a que presentou a mellor oferta. Ademais do cambio de cuberta realizaranse outras pequenas melloras coas que se ganará amplitude nunha das aulas deste local social.

Esta antiga escola foi construída a principios dos anos 60 do século pasado, e no anterior mandato, executouse o cambio de toda a carpintería exterior.

Con estas obras, o Concello avanza na súa intención de que este edificio poida ser utilizado pola veciñanza para todo tipo de actividades nas mellores condicións.

A mellora da escola de Cangrallo súmase á reforma integral do edificio do antigo concello, convertido en centro cívico, e á reconstrución total da escola de Barro, que de ser un edificio en ruínas pasou a ser un moderno centro social.