A nova directiva da Zona Monumental trata co Alcalde solucións para a recuperación económica

Pontevedra
19 de novembro 2020

Nesta entrevista con Miguel Anxo Fernández Lores participaron o presidente da Asociación Zona Monumental, Miguel Lago Rey; a tesoureira Marta González Curros; a vogal Carlota Magariños Pensado; e a xerente da entidade, Mónica Tomé.

Representantes da nova directiva da Asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental
Representantes da nova directiva da Asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental / Mónica Patxot

A nova directiva da Asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental presentábase este xoves nunha entrevista co alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores. Durante o encontro tratáronse tamén temas relacionados coa situación actual provocada pola pandemia e as previsións de fronte ao futuro co obxectivo de que se produza unha recuperación económica.

Durante este encontro participaron o presidente da asociación Miguel Lago Rey; a tesoureira Marta González Curros; a vogal Carlota Magariños Pensado; e a xerente da entidade, Mónica Tomé.

Tanto o alcalde como os representantes de Zona Monumental coincidiron, no intercambio de impresións, na necesidade de resolver a crise sanitaria para, a continuación, levar a cabo unha recuperación económica.

Fernández Lores manifestou a intención do  Concello de seguir colaborando na dinamización do centro histórico, coa idea de fortalecer ao comercio e á economía local. Nesta liña, o rexedor lembrou que o casco antigo da cidade sempre foi prioritario para o goberno local e mantén a súa intención de promover a actividade comercial nesa contorna. Tamén agradeceu a actitude positiva e de colaboración que sempre promove este colectivo.