O Concello de Pontevedra iniciou esta semana a instalación da nova iluminación led nas parroquias de Campañó, Alba e Cerponzóns, un proxecto que supón un aforro de gasto enerxético de 958.999 kWh/ano (76%) e un aforro do consumo de 187.004 euros cada ano.
En Campañó, Alba e Cerponzóns, o Concello adxudicou o proxecto á empresa Setga por 1.452.078,82 euros.
Nestas catro parroquias vanse substituír 2.135 unidades de luminarias a led de 30W e tamén se vai realizar a adecuación das liñas e a instalación de 35 novos cadrados de mando axustándose á normativa vixente.
O contrato inclúe unha garantía de mantemento e conservación das instalacións de 5 anos.
Das quince parroquias do rural, o Concello ten pendente actuar en Salcedo, Tomeza e unha parte de Lérez. Este última parroquia contratarase en breve.
Este proxecto de mellora lumínica e eficiencia enerxética forma parte do proxecto global de mellora de eficiencia enerxética do rural de Pontevedra que xa está implantado en Ponte Sampaio, Canicouva, Bora, Lourizán, Santa María e Santo André de Xeve, Verducido, Marcón e Mourente.
Polo de agora, o investimento superou os 4,6 millóns de euros e supón un aforro enerxético de 2.748.926,62 kWh/ano e un aforro de consumo de 398.394,63 euros.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou este verán que o cambio da tecnoloxía de iluminación é "unha loita contra o cambio climático" e lembrou que Pontevedra é "un dos concellos máis avanzados neste eido", pois este cambio tamén se realizou en todas as vías de entrada á cidade, no barrio de Monte Porreiro e, neste ano, vai todo o sur da cidade.