A nova normalidade sáelle máis cara ao departamento de Parques e Xardíns

Pontevedra
05 de xullo 2020

Medio Natural nutrirá con 215.000 euros o seu orzamento para afrontar os gastos de limpeza de zonas verdes e de xogo, o parque canino e varias asistencias técnicas

Un xardiñeiro (arquivo)
Un xardiñeiro (arquivo) / PontevedraViva

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural incrementará o seu orzamento para 2020 cunha achega de 215.000 euros para facer fronte ás novas esixencias de mantemento, limpeza e desinfección da nova normalidade.

O departamento que dirixe Iván Puentes, incorporará 110.000 a través da modificación de crédito que o Goberno Local levará nestes días a Comisión de Facenda e 105.000 pola vía da transferencia.

Tal e como explica o edil socialista, a Covid-19 tamén aumentou substancialmente os requirimentos de documentación técnica para o desenvolvemento e materialización de plans de traballo, un apartado que o concelleiro Iván Puentes fortalecerá con 60.000 euros para a prestación de asistencias técnicas.

Puentes matiza que "esencialmente para a redacción de proxectos de obra como a rexeneración das marxes fluviais do Lérez, un estudo coa Universidade sobre as zonas verdes da cidade na nova normalidade e o plan para o novo parque infantil de Pasarón".

Asemade, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural reservará unha achega de 50.000 euros a investimentos, en concreto para suplementar as partidas xa reservadas á creación dun parque canino nunha parcela duns 4.300 metros cadrados nos antigos terreos de Tafisa (contratado á empresa Naturgalia SL por 47.849 euros) e á reposición dunha pasarela de madeira no río dos Gafos, á altura da parroquia de Tomeza, así como o arranxo doutra próxima ao ximnasio Budo.