A nova rede con tobogán do parque de Punta Vicaño estará instalado antes de final de ano

Sanxenxo
06 de outubro 2020

O Concello de Sanxenxo decidiu ampliar o actual parque de Punta Vicaño e incorporar un novo elemento de xogo destinado aos nenos maiores de seis anos. Trátase dunha rede con tobogán que se instalará antes de que acabe este ano

Infografía da nova zona de xogo do parque de Punta Vicaño
Infografía da nova zona de xogo do parque de Punta Vicaño / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo decidiu ampliar o actual parque de Punta Vicaño e incorporar un novo elemento de xogo destinado aos nenos maiores de seis anos. Trátase dunha rede con tobogán que se instalará antes de que acabe este ano.

A instalación desta estrutura, que custou 49.893 euros, correrá a cargo da empresa HPC Ibérica. A Xunta de Galicia achegará o 70% dese diñeiro e o Concello o 30% restante.

Este xogo, segundo destaca o goberno municipal, permitirá aos nenos estar en contacto coa natureza, practicar exercicio e traballar a coordinación, o equilibrio e a seguridade.

A nova peza de xogo combinará unha estrutura de rede escaladora con tobogán e unha base con céspede artificial sintético de 94 metros cadrados.

Esta actuación completará as últimas obras de mellora executadas no parque de Punta Vicaño e que contaron cunha subvención de 88.298 euros do Fondo de Compensación Ambiental dependente da Vicepresidencia da Xunta de Galicia.

Entre outras cuestións mellorouse o sendeito principal do parque e construíuse un estanque con plantas acuáticas que, ademais de embelecer a contorna, fomenta a presenza de paxaros na zona.

Tamén se renovou o sendeiro que circunvala a marxe esquerda do parque, instalouse unha rede eléctrica con luminarias en ambos os dous camiños e plantáronse máis dun centenar de árbores de distintas especies para reforzar a beleza do espazo.