A nova zona de esparexemento da Caeira complétase con aparellos biosaudables

Poio
24 de xaneiro 2023

O alcalde, Luciano Sobral, visitou estes días a nova área, que se situa entre as rúas Río Sil e Umia, que xa conta con mobiliario urbano e especies arbóreas

Nova zona de esparexemento da Caeira
Nova zona de esparexemento da Caeira / Concello de Poio

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, acompañado polas concelleiras Marga Caldas e Raquel Rodríguez, visitou o núcleo da Caeira, pertencente á parroquia de San Salvador, para pasar revista ás obras que se están a acometer nunha parcela anexa coa vía que enlaza as rúas Río Sil e Umia. 

Este é o emprazamento escollido polo Concello para habilitar unha zona verde, que xa con especies arbóreas autóctonas, mobiliario urbano e tamén con aparellos biosaudables, que serán instalados proximamente.

As tarefas para poñer a punto esta área, que aspira a converterse "nun punto de encontro para a veciñanza deste núcleo", tal e como explicou o alcalde Sobral, deron comezo a finais do ano pasado. 

Sobral sinalou que esta actuación segue a filosofía que se consolida no municipio a través da campaña Poio en Verde que fixa obxectivos vencellados coa dotación de zonas e espazos ao aire libre, a través dos cales se poidan fomentar hábitos saudables, a accesibilidade universal e o respecto pola contorna.

O vial que une Río Sil e Río Umia construíuse en 2021, estando operativo desde o segundo semestre dese ano.