Agosto volveu ser un bo mes para a hostalería profesional de Sanxenxo, cun índice de ocupación media do 91,14%, segundo os datos do Consorcio de Empresas Turísticas de Sanxenxo (CETS) referidos a establecementos hostaleiros, pensións, apartamentos e cámpings.
O maior índice de ocupación volveu ser o dos hoteis de catro estrelas, cun 93,57%. En calquera caso, todas as categorías superaron o 89% de ocupación.
Segundo sinalaron, estes bos datos de agosto "compensaron en parte un mes de xullo irregular" debido fundamentalmente ao mal tempo rexistrado sobre todo na primeira quincena. Aínda así, en xullo lográronse manter uns índices de ocupación similares aos do ano anterior, cunha media do 72,77%.
"A pesar da evolución dos mercados e dos prezos, arrastrados polo aumento de custos de bens e servizos, Sanxenxo puido manterse como un dos destinos máis competitivos de España, caracterizado por unha excelente relación calidade/prezo e unha oferta adecuada ás expectativas da demanda", celebra nun comunicado o CETS.
O presidente deste consorcio, Alfonso Martínez, agradeceu "a implicación de toda a veciñanza do municipio, así como o seu carácter hospitalario e acolledor", que contribúe a "consolidar e diferenciar a Sanxenxo como o principal destino turístico do norte de España".
De acordo con os datos recolleitos polo CETS, o 37% dos establecementos declararon aumentar o número de persoas empregadas, mentres que o 57% manifestou manter os mesmos empregos que o ano anterior.
Alfonso Martínez destacou a capacidade de Sanxenxo para "manter unha oferta profesional baseada en establecementos que ofrecen servizos e atención personalizada aos seus clientes".
Considera que "defender este modelo é esencial para afrontar os retos do futuro", que pasan por unha desestacionalización que permita aproveitar durante todo o ano a concentración neste municipio deses servizos turísticos de calidade.