A Oficina Técnica da Seca constata a mellora da situación das concas do Verdugo e do Lérez

Pontevedra
12 de xaneiro 2018

O organismo establece o estado de pre-alerta nestas dúas concas e recomenda manter as medidas que fomenten o aforro de auga os 365 días do ano

Estación de bombeo no río Lérez
Estación de bombeo no río Lérez / Mónica Patxot

A Oficina Técnica da Seca estableceu este venres a situación de prealerta por seca en 12 sistemas hidrográficos da Demarcación Galicia-Costa tras analizar a situación na que se atopan neste inicio de ano os recursos hídricos.

Aínda non se constatou unha situación de normalidade, segundo os informes técnicos, pero as choivas recollidas durante o mes de decembro melloraron a situación de alerta. En todo caso, desde esta oficina técnica se indica que, en todos os sistemas de demarcación de Galicia, se estableceu a normalidade que corresponde con esta época do ano.

Por este motivo, as concas do Verdugo e Oitavén e de todos os ríos máis pequenos que desembocan na ría de Vigo pasaron á situación de  prealerta do mesmo xeito que a conca do río Lérez e de todos os ríos máis pequenos que desembocan na ría de Pontevedra. 

Mantense a situación de alerta por seca nos ríos Ulla, Umia e en xeral, todos os que desembocan na costa comprendida entre O Grove e Cee.

O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, afirmou que o último mes de 2017 foi máis húmido do habitual, despois dun outono moi seco. As previsións de Meteogalicia apuntan a que o mes de xaneiro tamén manterá unha media de precipitacións por encima dos rexistros medios recollidos historicamente ao longo deste mes.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en