A operación contra o tráfico ilegal de vehículos permite recuperar 76 coches valorados en 2 millóns de euros

Pontevedra
18 de novembro 2022

A Policía Judiciária de Portugal, que desenvolve a investigación en colaboración cos grupos Greco e Udyco da Policía Nacional, informa de que as seis primeiras persoas foron detidas o 5 de xullo. Os vehículos foron adquiridos en Portugal a crédito e con documentación acreditativa falsa e logo trasladados a España e a outros países europeos

Rexistro policial en Talleres Antonio Pintos
Rexistro policial en Talleres Antonio Pintos / Mónica Patxot

A operación contra o tráfico ilegal de vehículos entre Portugal e España desenvolta esta semana en Pontevedra forma parte dunha investigación que no país luso xa deixou as primeiras detencións no mes de xullo e permitiu, ata o de agora, a recuperación de 76 vehículos cun valor estimado de dous millóns de euros. 

Así o informou a Policía Judiciária de Portugal, que desenvolve a investigación en colaboración cos grupos Greco e Udyco da Policía Nacional española. Tamén colabora a Policía Local de Pontevedra. 

A través da Dirección do Norte, a Policía Judiciária informa de que esta investigación realízana o Ministerio Público - DIAP do Porto e en cumprimento dunha Decisión Europea de Investigación (DEI) e de que a explotación desta semana tivo como "epicentro" Pontevedra, onde se realizaron varios rexistros domiciliarios e non domiciliarios, neste caso, nun taller. Para iso, desprazáronse a Pontevedra varios inspectores portugueses.

No marco desta Investigación, o 5 de xullo de 2022, tras diversas dilixencias, seis persoas foron detidas pola Policía Judiciária de Portugal, das que "se sospeita fortemente" que formaban parte do grupo delituoso investigado.

O operativo en curso e os rexistros agora realizados teñen como obxectivo a recollida de indicios de diversa índole, tendentes ao esclarecemento dos feitos investigados, así como a recuperación, ata o momento, deses 76 vehículos.

Segundo informan as autoridades portuguesas, os vehículos foron adquiridos en Portugal a crédito e con documentación acreditativa falsa e logo trasladados a España e a outros países europeos, evitando o pago dos respectivos alugueiros por parte dos autores.

Posteriormente, foron sometidos a alteracións documentais e colocados nestes países, onde foron novamente inseridos no mercado, legalizados con documentación falsa, pasando a circular con rexistro e documentos aparentemente válidos.

A operación salpica a Pontevedra, pero tamén as localidades de Verín e Ourense e, sobre todo, a Portugal, epicentro da investigación. En total, hai 20 detidos, dos que 17 son en Portugal e 3 en España. En Pontevedra hai un.