A oposición solicita un pleno extraordinaria ante as pretensións de Telmo Martín de privatizar o Servizo de Axuda no Fogar

Sanxenxo
03 de marzo 2020

Os representantes de PSOE, BNG e Ciudadanos mantiveron un encontro co comité de empresa do persoal do Concello de Sanxenxo e tras coñecer a situación queren que se debata neste pleno solicitado sobre a externalización do SAF e sobre a idoneidade da permanencia do concelleiro delegado do servizo

Concello de Sanxenxo
Concello de Sanxenxo / Mónica Patxot

Representantes do PSOE, BNG e Ciudadanos, os partidos na oposición na corporación de Sanxenxo, uniron as súas forzas para solicitar este martes un pleno extraordinario para que se debata o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). 

O venres, integrantes destas agrupacións mantiñan un encontro co comité de empresa do persoal do Concello de Sanxenxo e dos sindicatos con representación local para coñecer con detalle a situación na que se atopa este servizo ante o anuncio do alcalde Telmo Martín de privatizar o SAF.

Por este motivo, queren que no pleno extraordinario se debata e se vote sobre a idoneidade da permanencia de Daniel Arousa no cargo do concelleiro delegado tras o "anuncio público da súa incapacidade para xestionar o servizo". Tamén reclaman que se solicite mediante convenio coa Xunta de Galicia para a realización en Sanxenxo de cursos formativos e a obtención do certificado de profesionalidade na atención sociosanitaria a persoas dependentes.

Queren que se solicite á Consellería de Educación a incursión no próximo curso do Ciclo Medio de atención ás persoas en situación de dependencia no instituto de Vilalonga. Por último, solicitan o debate e a votación sobre a externalización a unha empresa privada do  SAF que anunciou o goberno local.

Os grupos da oposición alertan a Telmo Martín de que se non convoca este Pleno Extraordinario quedará automaticamente convocado para o décimo día hábil seguinte á finalización dos 15 días hábiles que teñen o alcalde para convocalo. 

Tamén solicitan ao alcalde que convoque este pleno á mesma hora que os ordinarios, ás 20.30 horas, para que poidan asistir as persoas afectadas e a cidadanía en xeral.