A Orde do Santuario das Aparicións a Sor Lucía distingue oito 'Damas e Cabaleiros'

Pontevedra
04 de decembro 2021

A sociedade, recentemente creada, quere promocionar este Santuario e o vindeiro día 10 celebrará o I Capítulo da Orde para designar a aquelas persoas que teñen destacado por defender e promocionar este espazo relixioso ou contribúen a engrandecer a cidade de Pontevedra

Santuario das Aparicións Turismo de Pontevedra

A Orde do Santuario das Aparicións a Sor Lucía en Pontevedra, de recente creación, celebrará o vindeiro venres 10 de decembro o I Capítulo da Orde, un acto destinado a designar ás 'Damas e Cabaleiros' desta sociedade.

Esta comunidade ten como obxectivo poñer en valor e dar visibilidade ao espazo relixioso do Santuario das Aparicións. Por este motivo presenta estes títulos destinados a persoas que se distinguiron na defensa e promoción deste templo e a aquelas que tamén contribuísen a "engrandecer" Pontevedra.

Tras varias reunións de traballo nas que se estudaron detidamente as propostas presentadas, a Xunta de Goberno da Orde, que preside Tomás Abeigón, decidiu por unanimidade que as persoas distinguidas este ano coa banda e o diploma de 'damas e Cabaleiros da Orde' sexan: Luis López Basalo (empresario); Pilar Gómez Vergutini "Cuca" (empresaria); Ignacio Landín Martínez (presidente da Confraría da nosa Señora do Refuxio a Divina Peregrina); José Luis Doval Franqueira (responsable do Banco de Alimentos en Pontevedra); Ana Vicente Rivas (xefa de Servizo do Arquivo da Deputación Provincial de Pontevedra); Juan Perdiz Cabanelas (empresario e propietario do Funeraria San Marcos); Jaime  Olmedo Suárez-Vence (avogado e presidente do Liceo Casino); e ao presidente da Real Academia Olímpica Española e Maxistrado, Conrado Durántez Corral.

Segundo os representantes da Orde, todas estas persoas son de recoñecido prestixio persoal e profesional, ademais de demostrar entrega pola cidade desde hai anos.

As actividades que se realizarán este ano, debido ás restricións derivadas da pandemia, limitaranse a unha misa presidida polo reverendo Luís Manuel Romero Sánchez e, a continuación, unha procesión

O acto social de imposición de bandas e entrega dos títulos de 'Damas e Cabaleiros' trasladarase a 2022 coa celebración do II Capítulo.

Actualmente, desde o Santuario teñen en marcha unha campaña mundial de gran recadación de fondos para sufragar a reforma deste espazo que, segundo indican, se atopa case en ruínas. O obxectivo é que en 2025 poida celebrarse a efeméride do século de existencia do santuario co edificio rehabilitado.