A 'pasarela' de Adrio Barreiro estreará o seu novo aspecto antes do Nadal

Pontevedra
10 de outubro 2013

Esta reforma servirá, sinalou o concelleiro de Urbanismo, para resolver definitivamente o deseño dun área que ata o de agora "non acadou o protagonismo que merecía, tanto pola súa situación, como pola súa densidade veciñal e comercial", e engadiu que despois destas obras "Pontevedra gañará unha praza totalmente integrada" duns 4.000 metros cadrados

Antón Louro cos veciños e comerciantes de José Adrio Barreiro
Antón Louro cos veciños e comerciantes de José Adrio Barreiro / PontevedraViva

A praza de José Adrio Barreiro, coñecida como a pasarela, estreará novo aspecto antes do Nadal. Así o comprometeu o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, nun encontro mantido cos veciños e comerciantes desta zona. As obras teñen un orzamento de 250.000 euros, dos que 150.000 corresponden á obra civil, adxudicada a Covsa, e o resto a melloras no tratamento da superficie, beirarrúa perimetral, mobiliario e alumeado público.

Esta reforma servirá, sinalou o concelleiro de Urbanismo, para resolver definitivamente o deseño dun área que ata o de agora "non acadou o protagonismo que merecía, tanto pola súa situación, como pola súa densidade veciñal e comercial", e engadiu que despois destas obras "Pontevedra gañará unha praza totalmente integrada" duns 4.000 metros cadrados.

Louro explicou os detalles dun proxecto que foi mellorado a raíz das suxestións que foron presentadas polos veciños durante as últimas semanas. Un dos principais cambios é a eliminación dun muro perimetral, a modo de monumento en memoria dos fusilados en 1936. Este muro tiña como función estrutural consolidar o pequeno desnivel entre a plataforma e a beirarrúa da rúa 12 de novembro.

A nova configuración aposta por unha fronte moi despexada, e mesmo máis ampla que actual, que garante a máxima visibilidade, ao ampliarse a praza en case catro metros. Na memoria das persoas que perderon a súa vida na defensa da Democracia plantaranse 10 árbores. Nos próximos meses colocarase tamén algún elemento escultórico que, en todo caso, respectará o carácter diáfano de todo o ámbito.

A conexión entre a pasarela e a rúa  12 de novembro será mellorada coa apertura dunhas escaleiras a metade do seu trazado. Se colocarán tamén 10 bancos ao longo dunha tira lateral con pavimento de lastros. A superficie da praza será tratada cunha resina de cor terra. Estará cruzada transversalmente por unhas liñas máis escuras compoñendo un código de barras. O código ofrecerá a lectura "José Adrio Barreiro".

Se atenderon tamén as peticións para mellorar a recollida de pluviais. Amplas grellas no pavimento canalizarán a auga da choiva acabando coas pozas que se producían nalgúns puntos. E o proxecto resolverá dun xeito máis homoxéneo a conexión dos niveis da pasarela e a rúa interior dos edificios. Será con dous ou tres chanzos e unhas pequenas ramplas cara os extremos da praza nas rúas Loureiro Crespo e Joaquín Costa.

Con respecto a estes traballos, a voceira da asociación de comerciantes da zona, María Diz, explicou que o proxecto é "interesante" e agradeceu que se incluíran as suxestións aportadas polos veciños. En todo caso, insistiu na necesidade de que se executen "lo más rápido posible" e que causen "los menos trastornos posibles", ao recordar que a obra xa leva acumulada "cierto retraso".

ADXUDICACION DE LOUREIRO CRESPO

As melloras en toda esta zona completaranse coa reforma da rúa Loureiro Crespo, cuxa primeira fase segundo Antón Louro adxudicarase "o luns ou o martes". O concelleiro socialista detallou que o proceso "por fin" está baremado e "só falta que se sente a mesa de contratación", que terá que analizar os proxectos presentados.

Inicialmente, a primeira fase desta reforma urbana está orzamentada en 1,2 millóns de euros. En concreto, actuarase na Avenida de Lugo, entre a rotonda situada na confluencia con Juan Carlos I e a rotonda que conduce cara San Mauro e Ponte Caldelas.