A patronal española no sector do turismo de negocios valora o potencial de Pontevedra

Pontevedra
09 de maio 2014

O ⿿cluster⿝ empresarial que aglutina todos os segmentos do turismo de negocios español está este venres en Pontevedra debatendo sobre o presente e o futuro dun sector que move máis de 5.000 millóns de euros anuais e no que España é a terceira potencia mundial

Directivos do "cluster" español de feiras e congresos PontevedraViva

O ⿿cluster⿝ empresarial que aglutina todos os segmentos do turismo de negocios español está este venres en Pontevedra debatendo sobre o presente e o futuro dun sector que move máis de 5.000 millóns de euros anuais e no que España é a terceira potencia mundial.

A concelleira de Turismo, Carlota Román, trouxo a Pontevedra a segunda xuntanza que o Foro das Asociacións da Industria Española de Reunións e Eventos celebra dende a súa fundación hai algo máis dun ano.

Os líderes dos organizadores de feiras, congresos, viaxes de incentivos, xestores de destinos, asociacións de directivos e de axencias de viaxes valoraron o potencial de Pontevedra, definida como unha cidade de tamaño medio, moi cómoda, cunha infraestrutura feiral magnífica e perfectamente integrada na paisaxe e na trama urbana da cidade. Unha candidata idónea, como se remarcou en varias intervencións, para acoller eventos de calidade.

Román explicou a aposta de Pontevedra por introducirse neste sector, que achega un turismo desestacionalizado, cun alto índice de internacionalización e cun elevado retorno socioeconómico, dado que o gasto medio diario por visitante é moito máis elevado.

Falou tamén da creación da Oficina  de Congresos de Pontevedra, o que permitiu pechar xa 12 congresos e seis feiras para este ano, da programación deportiva da cidade e dos primeiros pasos da Pontevedra Film Commission.