A peonalización da ponte do Burgo será unha realidade en 2018

Pontevedra
10 de febreiro 2017

Preto de dous millóns de euros. É o investimento que realizará o Concello de Pontevedra para peonalizar a ponte do Burgo e converter toda a súa contorna nunha gran praza pública. É, segundo Luís Bará, unha actuación "central" para este mandato e que permitirá recuperar este ámbito histórico e emblemático da cidade

Ponte do Burgo, Pontevedra
Ponte do Burgo, Pontevedra / Mónica Patxot

Preto de dous millóns de euros. É o investimento que realizará o Concello de Pontevedra para peonalizar a ponte do Burgo e converter toda a súa contorna nunha gran praza pública. É, segundo Luís Bará, unha actuación "central" para este mandato e que permitirá recuperar este ámbito histórico e emblemático da cidade.

O proxecto propón actuar sobre unha superficie estimada de 6.758 metros cadrados, xa que ademais da propia ponte se inclúen os entroncamentos con Valentín García Escudero na cabeceira sur e con Domingo Fontán e Juan Manuel Pintos na parte norte.

O goberno municipal peonalizará a ponte do Burgo creando unha plataforma única, elevando a calzada á altura das beirarrúas e habilitando un pavimento continuo a base de laxas de pedra de gran tamaño. "Vai a cambiar completamente a distribución de espazos", adiantou Bará, ao homoxeneizar o aspecto dos once metros de ancho da ponte.

Ademais, renovarase toda a iluminación da ponte. Colocaranse puntos de luz no chan, sinalando o percorrido do Camiño Portugués a Santiago e iluminando cara arriba. Na varanda lateral, que será cambiada por unha nova estrutura metálica e galvanizada, tamén haberá luz, do mesmo xeito que nos arcos da ponte, que terán unha iluminación artística.

Retiraranse todos os farois en altura para, segundo o edil do BNG, evitar elementos que "disturben" a imaxe da ponte.

Na conexión con Valentín García Escudero, a intención é crear un gran paso de peóns elevado, similar ao que existe ante a Audiencia de Pontevedra, que sirva de continuidade entre os dous espazos.

Pola súa banda, máis ambiciosa será a actuación no cruzamento con Domingo Fontán e Juan Manuel Pintos. Eliminarase a rotonda actual, aínda que se manterán os dous carrís de circulación. No resto do espazo preténdese crear unha gran praza pública que terá plataforma única e contará co mobiliario urbano correspondente.

O elemento principal de todo este ámbito serán as árbores, xa que tras revisar fotos antigas desta zona, comprobouse que era unha área arborizada, aspecto que o Concello quere recuperar con esta actuación. A idea é que toda esta contorna poida ser aproveitada, entre outras cuestións, para actividades ao aire libre.

O proxecto presentado inclúe tamén aproveitar o espazo que deixaría libre a gasolineira cando, en 2018, venza a súa actual concesión de Costas. Por agora, segundo recoñeceu Bará, non se efectuou contacto algún cos seus propietarios.

Os terreos incorporaríanse a este espazo peonalizado nunha fase posterior, xunto coa parcela que actualmente ocupa o aparcadoiro disuasorio situado enfronte do pavillón municipal, tamén propiedade de Costas, organismo que, segundo o Concello, deu o visto e prace a esta actuación, do mesmo xeito que Patrimonio da Xunta.

As obras serán licitadas este ano e terán un prazo de execución de doce meses, polo que o goberno municipal espera que estean rematadas en 2018. O Concello quere financiar esta actuación con fondos europeos pero, se non é aprobada pola comisión evaluadora, executarase con cargo ás arcas municipais.