A Plataforma local das Marchas da Dignidade organiza unha manifestación o 6 de novembro

Pontevedra
29 de outubro 2014

Será ás 19:30 horas cun percorrido entre a Pasarela 12 de novembro e a Praza da Peregrina coa intención de denunciar o atropelo que sofren os cidadáns debido aos recortes económicos e laborais, ademais da perda de dereitos

Representantes da Plataforma local das Marchas da Dignidade
Representantes da Plataforma local das Marchas da Dignidade / Mónica Patxot

Once colectivos sociais, políticos e sindicais da cidade organizáronse a través da Plataforma local das Marchas da Dignidade en Pontevedra para convocar unha manifestación para o próximo 6 de novembro ás 19:30 horas. A marcha sairá da Pasarela 12 de Novembro e percorrerá a rúa Benito Corbal para finalizar na Praza da Peregrina.

A convocatoria realízase como acto previo á concentración prevista para o 29 de novembro ao mediodía na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela.

Como noutras ocasións, os convocantes destes actos de protesta reclaman pan, traballo e teito ante o atropelo que sofren os cidadáns coa perda de dereitos laborais e de servizos públicos. Dende a plataforma local destacaban a gravidade de que só na cidade de Pontevedra haxa 10.000 desempregados.