A Policía Autonómica decomisa 75 quilos de ameixa nunha operación contra o furtivismo en Poio

Poio
27 de marzo 2021

Dúas persoas foron identificadas e abríronselle dilixencias por un presunto delito contra a protección da flora e a fauna, así como por incumprir as normas anticovid, debido a que non levaban máscaras nin cumprían co toque de queda

Mariscadoras cunha carga de ameixas
Mariscadoras cunha carga de ameixas / Mónica Patxot

Axentes do Grupo de Investigación da Policía Autonómica de Pontevedra, en colaboración cos vixiantes da Confraría de San Telmo, comisaron 75 quilos de ameixa nun dispositivo contra a práctica do furtivismo en Poio no que foron identificadas dúas persoas.

O control levouse a cabo o pasado 16 de marzo ante a problemática que o furtivismo está ocasionando na zona, e deu como resultado a localización de dúas persoas, que resultaron ser reincidentes, ás que se comisaron os 75 quilos de ameixa e se lles abriron dilixencias por un presunto delito contra a protección da flora e da fauna relativo ao furtivismo. As dilixencias remitíronse ao Xulgado de Garda e á Fiscalía de Pontevedra para a súa tramitación.

Aos investigados tamén se lles levantaron actas de presunta infracción por incumprimento do decreto que regula as normas sanitarias para a prevención da Covid, xa que cando foron sorprendidos nin levaban a preceptiva máscara nin respectaban os horarios establecidos no toque de queda.

Os bivalvos foron pesados e cribados antes de ser devoltos ao mar, o que permitiu comprobar que máis da metade da ameixa comisada era de tamaño inferior á que se pode extraer de forma legal.