Deteñen un veciño de Poio de 36 anos con dúas ordes de busca

Poio
21 de outubro 2021

A Policía Local de Poio localizouno en Combarro. Conta con antecedentes por delitos relacionados co furtivismo, violencia de xénero, desobediencia e resistencia á axentes da autoridade. Sobre a súa persoa recaen varias causas pendentes de xuízo

Momento en que unha axente da Policía Local de Poio detén o home con orde de busca
Momento en que unha axente da Policía Local de Poio detén o home con orde de busca

Durante a mañá do martes 19 deste mes, axentes da Policía Local de Poio identificaban un home "habitual coñecido" das forzas de seguridade, que arrastraba dúas ordes de procura, detención e comparecencia en dous xulgados de Pontevedra.

O home de 36 anos, veciño do municipio, atopábase na parroquia de Combarro cando foi detido. Conta con antecedentes por delitos sobre substancias nocivas para a saúde en relación a prácticas de furtivismo na ría, violencia de xénero, desobediencia e resistencia a axentes da autoridade.

Os axentes solicitaron os antecedentes penais, unha vez que se procedía á identificación, e comprobaban que tiña na actualidade esas dúas ordes de procura. Por este motivo, foi trasladado para pasar a disposición xudicial durante esa mesma xornada.

O home conta cunha inhabilitación especial de dous anos de duración para o exercicio de actividades relacionadas co marisqueo. Entre o seu historial, este veciño de Poio foi investigado en decembro de 2019 e en agosto de 2020 por delitos contra a Flora e a Fauna por esas prácticas de marisqueo furtivo, ao extraer ameixas e vendelas de forma ilegal a outras persoas do municipio.

En 2020 tamén foi investigado por un delito de ameazas graves contra axentes da autoridade e xa en agosto deste mesmo ano tamén era obxecto doutra investigación por delito de desobediencia e ameazas graves a axentes da autoridade. Algunhas das causas que recaen sobre el aínda se atopan pendentes de xuízo.