A Policía descarta unha sabotaxe e atribúe a un cúmulo de erros a avaría do TAC de Montecelo

Pontevedra
15 de febreiro 2024

Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría Provincial de Pontevedra, tras recibir unha denuncia por parte da Área Sanitaria os axentes iniciaron unha investigación para esclarecer a causa dos danos sufridos polo novo equipo de tomografía axial computerizada (TAC)

Equipo de tomografía axial computerizada (TAC)
Equipo de tomografía axial computerizada (TAC) / Sergas

A Policía Nacional descartou que a avaría do novo equipamento de resonancia magnética do Hospital Montecelo sexa o resultado dunha sabotaxe.

Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría Provincial de Pontevedra, tras recibir unha denuncia por parte da Área Sanitaria os axentes iniciaron unha investigación para esclarecer a causa dos danos sufridos polo novo equipo de tomografía axial computerizada (TAC). 

A súa conclusión descarta que a máquina fose saboteada e atribúe a avaría a un cúmulo de erros por mala manipulación, tal e como sostiña a empresa que forneceu o TAC.

Segundo explicaron fontes sanitarias, estes equipos de resonancia magnética requiren duns 1.500 litros de helio para refrixerar os imáns superconductores durante a proba diagnóstica. O caso é que alguén deixou sen helio á máquina accionando uns dispositivos de seguridade e estragando todo o equipo.

A Xunta destinara un investimento de 2,2 millóns de euros, financiada con fondos Next Generation da Unión Europea, para poder adquirir tres novos TAC de gamas superiores para o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Este novo aparello tiña que comezar a funcionar a mediados de xaneiro.

Desde a Xerencia da área Sanitaria confirmaron que unha vez que tiveron coñecemento dos feitos cursouse a pertinente denuncia na Policía Nacional "e nestes momentos estase á espera da resolución do xuíz, unha vez finalizadas as investigacións policiais sobre este caso".

Tamén informa a Xerencia que a resonancia magnética de Montecelo xa está reparada.