Axentes da Policía Local de Poio detiveron este xoves 15 de febreiro a un home buscado por roubo.
Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura da Policía Local de Poio, os feitos ocorreron durante un control policial habilitado sobre as nove da noite.
Este individuo, de 41 anos de idade e veciño do municipio, tiña unha orde de búsqueda, detención e presentación no Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra, por un presunto delito de roubo con intimidación.
Os axentes verificaron na base de datos que a este suxeito tamén lle constaban antecedentes por un delito contra a seguridade viaria, por conducir baixo a influencia do alcol con resultado de danos por accidente tráfico, tamén ocorrido en Poio.
Os axentes trasladaron a este veciño a dependencias policiais para iniciar as dilixencias e este venres foi posto ao dispor xudicial.