A Policía Local de Poio habilita unha liña telefónica exclusiva para atender casos relacionados co estado de alarma

Poio
20 de marzo 2020

A empresa encargada da recollida de residuos no municipio,  Valoriza, centra estes días os seus esforzos na limpeza e desinfección dos espazos públicos máis frecuentados polos veciños

Traballadores da empresa de limpeza Valoriza desinfectan os espacios públicos de Poio
Traballadores da empresa de limpeza Valoriza desinfectan os espacios públicos de Poio / Concello de Poio

A Policía Local de Poio estrea unha nova liña telefónica centrada exclusivamente na atención a calquera tema relacionado co Estado de Alarma e a corentena decretada polo Goberno pola pandemia do coronavirus.

Chamando ao 604 037 260, en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, un axente atenderá todas as dúbidas da cidadanía, que nos últimos días colapsaba o teléfono habitual, que seguirá funcionando para o resto de asuntos, sobre a alerta sanitaria.

Outra novidade nos servizos municipais ten que ver co servizo de limpeza. A empresa concesionaria da recollida de residuos, Valoriza, ocúpase desde o mércores de limpar e desinfectar diferentes espazos públicos a pedimento do Concello para evitar a expansión do virus.

A actividade céntrase principalmente nos exteriores de Anafáns, os consultorios de Raxó e Combarro, así como nas inmediacións do tanatorio de San Xoán ou o Mosteiro e as igrexas. Caixeiros automáticos, entradas e accesos a farmacias, supermercados ou tendas de alimentación son outros dos lugares de especial atención. Ademais estase estudando a posibilidade de recoller o lixo de forma individualizada.

No servizo municipal de mantemento tamén se están organizando de forma especial para garantir o funcionamento da iluminación, abastecemento, saneamento, emerxencias e subministracións á canceira, na que as adopcións quedaron temporalmente suspendidas.

Sobre a nova liña telefónica, desde o Concello piden aos veciños que fagan un "uso responsable" das canles de comunicación para evitar a saturación. "Tanto a Policía Local como Protección Civil están traballando arreo para dar resposta ás demandas veciñais, pero a veciñanza debe facilitar ou seu labor na medida do posible”, subliña a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, que entende que estas chamadas deben realizarse soamente en " situacións moi urxentes ou imprescindibles”.

Á hora de prestar atención, a coordinación entre o servizo de Benestar Social e a Policía Local tamén adquire un papel fundamental. As chamadas que cheguen á Casa Rosada serán atendidas por un técnico, que determinará que casos serán cualificados de emerxencia social.