A Policía Local de Poio ten identificados 15 veciños reincidentes en incumprir o estado de alarma

Poio
09 de abril 2020

Desde a entrada en vigor do estado de alarma, a Policía Local de Poio impuxo 164 denuncias, unha media de oito diarias. Diariamente controlan arredor de 60 persoas e 150 vehículos, máis nos últimos días para controlar que non se producen desprazamentos a segundas residencias 

Control da Policía Local de Poio e a Garda Civil na rotonda da Barca
Control da Policía Local de Poio e a Garda Civil na rotonda da Barca / Concello de Poio

Desde a entrada en vigor do estado de alarma para frear o avance do coronavirus o pasado 14 de marzo, a Policía Local de Poio impuxo 164 denuncias por incumprimentos da normativa e as súas restricións de desprazamentos e ten contabilizados 15 reincidentes neste comportamento. 

Segundo o balance facilitado polo Concello de Poio, de media, a Policía Local realiza oito denuncias diarias por incumprir o estado de alarma. 

Diariamente os axentes municipais controlan arredor de 60 persoas e 150 vehículos, aínda que compre destacar que nos últimos días, coincidindo coa Semana Santa, incrementáronse as vixilancias para controlar que non se producen desprazamentos para acudir a segundas residencias durante estes días de vacacións. 

En relación con estes desprazamentos a segundas residencias, a Policía Local ten constancia de movementos nocturnos nas zonas de Raxó e Covelo

Ademais do traballo en solitario da Policía Local, estas semanas estanse a potenciar actuacións conxuntas con outras Forzas de Seguridade. Este mesmo xoves realizouse un control de tráfico na rotonda da Barca no que participaron efectivos da Policía Local de Poio e da Garda Civil de Tráfico

Estes controis realízanse para constatar que os desprazamentos que fan os vehículos están debidamente xustificados, entre os que non se inclúen desprazamentos a segundas vivendas. Durante estes días festivos continuarán desenvolvéndose máis controis.