A Policía Local de Sanxenxo denuncia un veciño que saíu a tirar o lixo demasiado lonxe do domicilio

Sanxenxo
06 de abril 2020

Durante a fin de semana realizaron case 400 controis, a gran maioría a tránsito de vehículos. Outra das denuncias corresponde ao condutor dunha motocicleta por exceso de velocidade

Control da Policía Local de Sanxenxo Concello de Sanxenxo

Un veciño que saíra a tirar o lixo demasiado lonxe do seu domicilio e outro que conducía unha motocicleta con exceso de velocidade, son as dúas persoas que durante a fin de semana sancionou a Policía Local de Sanxenxo durante os controis de particulares e vehículos que realizan para que se cumpran as circunstancias ás que obriga o estado de alarma.

Neste municipio a Policía Local realizou 399 controis; vinte correspondían a peóns que camiñaban pola vía pública e o resto desprazamentos de coches. Jaime Leiro, concelleiro de Seguridade Cidadá destacou o alto grao de cumprimento do confinamento: "os datos demostran a concienciación do problema sanitario e unha gran responsabilidade cidadá. É unha situación complicada na que todos debemos achegar o noso gran de area”.

Desde o inicio do estado de alarma a Policía Local de Sanxenxo xunto coa Garda Civil contabilizan ata 1.546 controis en establecementos, por estrada e a peóns. Ese total daba lugar a doce denuncias: sete a peóns cuxa mobilidade non estaba xustificada, tres condutores e dous establecementos que permanecían abertos a pesar da orde de peche.

Nestas funcións de control e vixilancia en Sanxenxo traballan coordinadamente Subdelegación do Goberno, Concello, Policía Local, a Garda Civil e, nestes días, de forma excepcional, tamén a Brilat.