A Policía Local de Sanxenxo retirou as pancartas da Plataforma SOS Panadeira na zona portuaria, segundo denuncian dende este colectivo, debido á orde do primeiro tenente de alcalde, Salvador Durán, que entende que estes faldróns de protesta incumpren a normativa municipal sobre publicidade.
Dende a Plataforma SOS Panadeira cualifican esta decisión de "majadería" por considerar publicidade o que o colectivo considera o seu "lexítimo exercicio" para defender os dereitos fundamentais dos veciños en defensa das praias públicas.
O grupo veciñal entende que a auténtica razón da orde de retirar as pancartas é que "afean a conduta displicente dos responsables da defensa dos bens públicos xa que os visitantes poden comprobar que teñen que ser os veciños os que fagan o traballo que os votantes lles encargaron a eles nas urnas".
A Plataforma SOS Panadeira denuncia o contacto que se mantén dende o goberno local co Náutico do Sanxenxo a través do concelleiro de Medio Ambiente, José Luis Rodríguez. Ante esta situación, os veciños piden aos "representantes públicos que abandonen a súa hipocrisía" porque están "máis que fartos de tanta falsidade"