A Policía Local de Sanxenxo revisa as licenzas dos locais de hostalería e comercios do municipio

Sanxenxo
04 de decembro 2019

A Policía Local de Sanxenxo iniciou unha rolda de visitas a máis de 1.000 establecementos do municipio para comprobar o estado da súa licenza. En caso de detectar calquera deficiencia emendable, concederase un prazo para corrixir as irregularidades advertidas

Policía Local de Sanxenxo
Policía Local de Sanxenxo

A Policía Local de Sanxenxo iniciou unha rolda de visitas a máis de 1.000 establecementos do municipio para comprobar o estado da súa licenza. En caso de detectar calquera deficiencia emendable, concederase un prazo para corrixir as irregularidades advertidas.

O pasado mes de setembro a Xunta publicaba un novo catálogo no que se recollen os diferentes espazos públicos de lecer e actividades recreativas e as licenzas de actividade que require cada lugar.

Con esta nova normativa decaen unhas categorías e irrompen outras, xa que se incorporan actividades que ata o de agora non tiñan asignación concreta, como os espectáculos pirotécnicos, as salas de concertos ou os parques multiocio que empezan a asentarse nas cidades.

O desenvolvemento da Lei de Espectáculos Públicos de Galicia, na que se enmarca este catálogo, tamén establece criterios firmes para determinar a capacidade ou aforo dos establecementos e espazos públicos, que queda fixado en dúas persoas por metro cadrado de espazo computable.

Ademais, xa se prevé a posibilidade de que nun mesmo local ou recinto desenvolva máis dun tipo de espectáculo ou actividade sempre que sexan compatibles entre si, e terán encaixe outras actividades económicas, aínda que non se axusten a esta lei, como pode ser un comercio.

O goberno local de Sanxenxo levaba ao pasado pleno de novembro, a primeira ordenanza reguladora de terrazas, na que se indica que non poderá ter terraza un local que non teña a súa licenza en regra.

Tamén se están revisando calquera outro local que teña licenza de actividade, aínda que non sexa de hostalería, como poden ser os comercios.