"O que ocorreu nalgunhas terrazas non se pode volver repetir". Con esta claridade expresouse este mércores a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, despois de manter unha reunión telemática con cargos dos diferentes corpos e forzas de seguridade do Estado para avaliar o cumprimento das normas da fase 1 para a desescalada da pandemia do coronavirus.
As imaxes do pasado luns de prazas de diversas cidades da provincia, Pontevedra entre elas, repletas de clientes sen respectar a distancia de seguridade e consumindo bebidas fóra do establecemento, "son actitudes perigosas que poden provocar un repunte do virus que nos leve de novo a un confinamento nas nosas casas", alerta a socialista.
Para velar polo cumprimento destas medidas, a partir de agora os axentes dos diferentes corpos de policía "van ser moito máis contundentes con actitudes insolidarias", sostén Larriba, quen lembra que nestas primeiras xornadas de desconfinamento os gardas mantiveron unha "actitude de informacion e vixilancia".
Con todo, subliña a subdelegada que este comportamento foi minoritario posto que a maior parte da poboación cumpriu de forma "exemplar" coas directrices do Goberno "respectando as franxas horarias e as actividades permitidas".
"A enfermidade segue aí e aínda que pode existir unha falsa sensacion de seguridade, esta non é real. Debemos cumprir as directrices sanitarias e ser respectuosos co distanciamento social", concluíu a dirixente a súa comparecencia.