A ponte do Burgo xa está pechada ao tráfico

Pontevedra
07 de marzo 2019

Os peóns e ciclistas son os únicos que, a partir de agora, poderán atravesar a ponte do Burgo. Tras unha serie de traballos previos na actual rotonda da cabeceira norte, entre Domingo Fontán e Juan Manuel Pintos, o viario quedou pechado ao tráfico para comezar coas obras de recuperación patrimonial e peonalización

Lores atravesando a ponte do Burgo xa pechado ao tráfico
Lores atravesando a ponte do Burgo xa pechado ao tráfico / Mónica Patxot

Os peóns e ciclistas son os únicos que, a partir de agora, poderán atravesar a ponte do Burgo. Tras unha serie de traballos previos na actual rotonda da cabeceira norte, entre Domingo Fontán e Juan Manuel Pintos, o viario quedou pechado ao tráfico para comezar coas obras de recuperación patrimonial e peonalización.

Operarios da UTE Imesapi- EC Casas valaron os accesos dos dous extremos da ponte para impedir o paso aos vehículos que, desde este xoves, terán xa prohibido cruzalo.

A primeira actuación será a demolición das actuais beirarrúas e, a continuación, farase unha serie de catas na ponte para comprobar que tipo de formigón se colocou en reformas previas e calcular o peso que pode soportar a estrutura.

Tras este trámite comezará a reforma en superficie para habilitar a plataforma única que, despois da remodelación, terá a ponte. Tamén se realizará unha inspección visual por baixo da ponte para observar o seu estado e empezarase a limpar toda a estrutura. 

Esta obra, segundo destacou o alcalde na súa visita, enmárcase dentro dunha actuación global en todo o Camiño Portugués na cidade, xunto coas reformas do Gorgullón e Virxe do Camiño, e que posteriormente terá continuidade con novas áreas urbanas.

En total, a rehabilitación a ponte do Burgo -que inclúe unha segunda fase para renovar toda a súa iluminación- supón un investimento superior aos 2 millóns de euros que financia o Concello a través dos fondos europeos EDUSI.