A Pontevedrada achégase ao milleiro de rexistrados para a súa edición de 2022

Pontevedra
03 de abril 2022

A andaina solidaria organizada por ASAMPO, que une Pontevedra con Santiago de Compostela, celebrarase o próximo 23 de abril

Pontevedrada 2019
Pontevedrada 2019 / Mónica Patxot

Aproxímase a data para a Pontevedrada 2022 organizada pola Asociación Amigos da Pontevedrada (ASAMPO).

A data escollida para celebrar a andaina solidaria entre Pontevedra e Santiago de Compostela é o próximo 23 de abril, encarando agora a última fase dunha inscrición que resultou polo momento moi positiva.

Segundo confirma a organización son 928 as persoas que se anotaron ata o 31 de marzo, coa particularidade que este ano como agradecemento e tras dous anos sen poder celebrar o evento todos os participantes serán nomeados socios de honra de ASAMPO, asociación que pretende concienciar á poboación sobre a importancia da doazón.

Ata o mércores 13 de abril será posible inscribirse á andaina, pero mentres tanto comezaranse a entregar os dorsais aos xa rexistrados. Será a partir deste luns 4 de abril na Casa Azul en horario de 19.00 a 21.00 horas.