A Pontevedrada supera o milleiro de inscritos

Pontevedra
18 de abril 2018

A marcha solidaria nocturna sairá ás 20 horas do 28 de abril da Praza da Ferrería pontevedresa ata a Praza do Obradoiro compostelá

Pontevedrada 2017
Pontevedrada 2017 / Cristina Saiz

A oitava edición da Pontevedrada xa conta con máis dun milleiro de persoas inscritas procedentes de toda España, que participarán o vindeiro sábado 28 de abril ás 20 horas na marcha solidaria nocturna e ininterrompida que organiza anualmente a Asociación de Amigos da Pontevedrada (Asampo) para concienciar á sociedade da importancia da doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos.

Asampo mantén aberta a súa inscrición oficial ata o 25 de abril ás 22 horas.

Os participantes percorrerán parte ou a totalidade dos 63 quilómetros do Camiño de Santiago portugués desde Pontevedra ata a praza do Obradoiro compostelá, onde chegarán durante o domingo 29 de abril.

Previamente á saída, ás 19 horas do sábado 28 de abril, comezará un acto público na Praza da Ferrería, con testemuños de doantes e receptores agradecendo a quen, coa súa xenerosidade, regalaron e regalan vida.

Dado o crecemento gradual de participación, Asampo planificou que cada inscrición leve unha achega solidaria de 5 euros para dar viabilidade organizativa ao evento. O importe recadado destinarase a dar soporte ás iniciativas solidarias que promove esta asociación durante todo o ano e a colaborar con outros colectivos que precisan axuda económica para desenvolver o seu labor.