Un ano máis, Pontevedra estará presente en Eurovisión. A xornalista Julia Varela foi elixida por RTVE para ser a voz do certame europeo da canción, que nesta ocasión celebrarase en Tel Aviv (Israel). Así o comunicou este luns o ente público.
Será o quinto ano consecutivo no que Julia Varela será a comentarista de España en Eurovisión e o segundo no que estará acompañado do popular locutor radiofónico Tony Aguilar.
O equipo complétao Víctor Escudero como asesor e a modelo Nieves Álvarez, que será a encargada de transmitir o resultado dos votos do xurado e do público español.
O tándem eurovisivo de comentaristas serán os encargados de comentar a final do certame, o 18 de maio, e as dúas semifinais dos días 14 e 16 de maio.
Tony Aguilar e Julia Varela serán, ademais, presentadores da Preparty de Eurovision-Spain, a cita madrileña que reunirá na Sala La Riviera de Madrid, os días 19 e 20 de abril, a moitos dos candidatos deste ano de Eurovisión.
Nesta festa, do mesmo xeito que en Israel, non faltará o representante español Miki coa súa canción La Venda, a candidatura que presenta España a Eurovisión.
Julia Varela, que actualmente é reporteira do programa Comando Actualidad en La 1 de TVE, traballou durante máis de seis anos en Radio 3, a emisora musical de RNE. Ademais, este traballo compaxinouno con diferentes etapas en La mañana de La 1 .
O próximo mes de abril sacará ao mercado a súa primeira novela, titulada ¿Por qué me pido un gin tonic si no me gusta?.