A posta en valor da torre e o xacemento da Lanzada, proposta aos fondos europeos Next Generation

Sanxenxo
19 de setembro 2021

O proxecto, orzado en 230.000 euros, aborda a recreación dixital da Revolta Irmandiña e a interpretación en realidade aumentada do xacemento

Xacemento arqueolóxico da Lanzada
Xacemento arqueolóxico da Lanzada / Ollares de Portonovo

O 'Plan de Sustentabilidade Turística en Destino 2022-2024. Sanxenxo, 365 días' presentado na convocatoria dos fondos europeos Next Generation e orzado en 230.000 euros contempla a posta en valor do xacemento arqueolóxico da Lanzada.

En concreto o  Concello aspira a potenciar con estes fondos o conxunto patrimonial, plantexando no proxecto a sinalización interpretativa do conxunto e tamén a recreación histórica da Revolta Irmandiña.

Neste sentido preténdese deseñar un evento que recreará este episodio histórico no que, durante a Idade Media, produciuse unha rebelión contra os nobres galegos tendo como protagonista a Torre da Lanzada, o primeiro ben municipal de Sanxenxo declarado Ben de Interese Cultural (BIC) que foi ordenado construír polo bispo Sismando no ano 945 para a defensa da arquidiocese de Santiago de Compostela.

En canto ao xacemento exponse un sistema de realidade aumentada que permitirá engadir capas de información visual sobre o conxunto patrimonial. A través dos dispositivos móbiles ofreceranse experiencias máis inmersivas que favorecerán a interpretación do conxunto patrimonial cun itinerario no que se inclúen o Con do Cabalo, o poboado galaico, a factoría de salgaduras, a necrópole romana, a igrexa ou a fortaleza medieval e mesmo estruturas que se atopan ocultas por case 2 metros de area e que non son visibles na actualidade. 

Por último propóñense organizar encontros anuais con outros destinos que conservan fábricas de salgadura, potenciando o desta forma o vínculo da Lanzada con esta actividade.