A Praza de España de Ponte Caldelas estrea WiFi gratuíta

Ponte Caldelas
11 de abril 2019

O servizo, que require dun enderezo electrónico hábil, inclúe un filtro  de contidos para previr usos inadecuados

Instalación da rede WiFi na Praza de España de Ponte Caldelas
Instalación da rede WiFi na Praza de España de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

A Praza de España e a Alameda de Ponte Caldelas converteranse nun espazo tecnolóxico urbano coa instalación dun servizo gratuíto de WiFi.

O Concello ten previsto habilitar o servizo este venres 12 de abril tras finalizar a instalación dos puntos de acceso.

Para garantir o seu uso responsable, contará cun hardware específico para filtrar contidos e evitar páxinas ou portais con contidos inadecuados ou perigosos, tendo en conta a posibilidade de acceso por parte de menores de idade.

En canto ao modo de uso, será necesario introducir unha dirección electrónica, nome e apelidos. Só se permitirá unha conexión diaria e cunha duración máxima dunha hora. O ancho de banda pode chegar ata 5 megas ao segundo, en función do número de usuarios conectados, tendo en conta que o ancho total contratado polo Concello é de 350 megas.

A rede WiFi, bautizada como "Ponte Caldelas está de moda!", estará aberta a calquera tipo de dispositivo (computador, teléfono móbil ou tableta) e será compatible cos diferentes sistemas operativos.

Esta iniciativa súmase á aposta tecnolóxica que supuxo a inclusión de cargadores USB para móbiles nos bancos da praza.