A Praza de Galicia amosa xa toda a información do sistema de bus urbano de Pontevedra

Pontevedra
24 de novembro 2021

Pontevedra completou o traballo de sinalización do seu sistema de transporte público urbano. Fíxoo coa instalación na parada da Praza de Galicia de toda a información sobre as dúas liñas circulares que percorren os diferentes puntos de interese da cidade

Sistema de información do bus urbano na Praza de Galicia
Sistema de información do bus urbano na Praza de Galicia / Mónica Patxot

Pontevedra completou o traballo de sinalización do seu sistema de transporte público urbano. Fíxoo coa instalación na parada da Praza de Galicia de toda a información sobre as dúas liñas circulares que percorren os diferentes puntos de interese da cidade.

Neste punto, que o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, definiu como a estación "máis céntrica e visible" de toda esta rede, o Concello instalou unha serie de paneis informativos de gran tamaño, que amosan os horarios, os prezos e os percorridos destas dúas liñas

"Fíxemos un esforzo especial tendo en conta a importancia desta parada", explicou o concelleiro, que desvelou que se investiron uns 7.000 euros nestes traballos de sinalización.

Contará ademais dun tratamento antigrafiti, de forma que no caso de que se produzan pintadas a súa limpeza sexa máis doada.

A partir deste momento, no que queda completada a sinalización do bus urbano, o Concello realizará unha "revisión a fondo" de todo o sistema de paradas por "se algunha cousa quedou atrás" e poder corrixir calquera deficiencia detectada.

Ademais, o goberno municipal dirixirase á Xunta de Galicia para tentar chegar a un acordo entre as dúas administracións para crear unha sinalización conxunta nas paradas que o bus urbano non utiliza na cidade, para que o sistema de información sexa "parecido".

O edil tamén explicou que xa recibiron diversas felicitacións por este sistema de información debido á dificultade que adoitan mostrar este tipo de traballos. A encargada deste deseño foi a empresa pontevedresa ERA Comunicación.