1 de decembro e as luces de Nadal acéndense na Praza de Pascual Veiga, o espazo escollido polo Concello de Sanxenxo para este acto, unha vez descartada a Praza dos Barcos ante as inclemencias meteorolóxicas. O público infantil recibía globos luminosos e a ambientación corría a cargo de Entretendas.
Este ano instaláronse 487 motivos luminosos nas sete parroquias do municipio. Esta iluminación permanecerá ata o 10 de xaneiro e esténdese entre a decoración con árbores, caixas de agasallo ou cervos, entre outros elementos.
Segundo avanza o goberno local, Portonovo converterase o 24 de decembro no Polo norte coa idea de que Papa Noel apareza e reciba aos máis pequenos da zona.
As badaladas anticipadas do 31 de decembro manteranse ás 12.00 horas na Praza de Pascual Veiga, organizada pola Asociación Cultural O Cubreiro. Durante a tarde, a praia de Silgar será escenario dun "mergullo solidario" a partir das 16.00 horas. As persoas que queiran participar deberán ir vestidas, disfrazadas ou con bañador para darse un divertido mergullo en augas da ría. A iniciativa parte da Fundación Aladina, unha asociación que axuda a menores con cancro. O donativo establécese en cinco euros.
A partir das 20.00 horas do último día do ano realizarase a primeira tirada de fogos de artificio de Sanxenxo en Nadal.
O 5 de xaneiro está previsto que o Tren Mago traslade, en horario matinal, aos paxes dos Reis Magos polas sete parroquias para convidar as familias á recepción real que se desenvolverá durante a tarde na Sala Nauta. Este ano non se realizará a tradicional cabalgata como medida de precaución ante a pandemia.