A praza do Pintor Arturo Souto celebra a súa inauguración con jazz e xogos infantís

Pontevedra
21 de maio 2022

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acudiu á inauguración da praza para poñer en valor unha intervención urbanística que serve para "facer barrio e cidade"

Inauguración da praza do Pintor Arturo Souto na rúa Loureiro Crespo
Inauguración da praza do Pintor Arturo Souto na rúa Loureiro Crespo / Concello de Pontevedra

Loureiro Crespo vestiuse de gala para celebrar a inauguración da praza do Pintor Arturo Souto.

Ata este lugar achegáronse o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado dos concelleiros Demetrio Gómez e Xaquín Moreda.

O Concello organizou nesta céntrica praza unha pequena celebración para un espazo que luce renovado logo da actuación realizada no lugar.

Nela, elimináronse barreiras arquitectónicas, desapareceron os antigos carrís de circulación e agora conta cunha plataforma única na que se aprecia unha convivencia total entre todas as persoas usuarias da praza.

Nesta xornada festiva, o xiz é unha das protagonistas, con ducias de nenos pintando o chan da praza, ao igual que os balóns e as carreiras, namentres soa música jazz.

"É espectacular ver como cambia un espazo cando se actúa neste. Cando se fan espazos de alta calidade a xente acude a eles e os ocupa, e fai vida neles, non hai dúbida. Agora temos un novo lugar no que facer barrio, no que facer cidade" explicou o rexedor.