A "precaria" situación da Pediatría protagoniza 160 reclamacións en Cerdedo e Forcarei

Cerdedo-Cotobade
31 de maio 2024

As reclamacións presentáronas nos centros de saúde de Forcarei e Cerdedo familias usuarias do servizo e integrantes da plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública. Desde a plataforma destacan que este "importante" número de reclamacións "deixa claro o grande malestar existente" en relación cos problemas reiterados

Veciñas de Cerdedo presentaron reclamacións no centro de saúde
Veciñas de Cerdedo presentaron reclamacións no centro de saúde / Plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública

A situación "precaria" do servizo de Pediatría levou a  un grupo de veciñas de Cerdedo-Cotobade e Forcarei a presentar 160 reclamacións nos seus centros de saúde.

As reclamacións presentáronas nos centros de saúde de Forcarei e Cerdedo familias usuarias do servizo e integrantes da plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública.

Desde a plataforma destacan que este "importante" número de reclamacións "deixa claro o grande malestar existente" en relación cos problemas que presenta o servizo de Pediatría de maneira reiterada.

Levan xa tempo denunciando a "sistemática falta de substitucións" durante as vacacións ou baixas das pediatras, o "limitado número" de días en que teñen atención pediátrica á semana, os "longos desprazamentos" que realizan cando non teñen asistencia en Forcarei e conseguen unha cita en Tenorio ou o feito de verse obrigados a levar as súas fillas e fillos ao servizo de Urxencias do Hospital Provincial para tratar doenzas que poderían ser atendidas nos nosos centros de saúde.

Estas situacións, segundo denuncian, "provocan que moitas familias busquen unha solución rápida con pediatras privados", unha xestión que supón un desembolso económico extra que non sería necesario "se o noso dereito á saúde fose unha realidade".

A plataforma denuncia que a resposta do Sergas é "aplicar parches que non acaban de eliminar a precariedade de fondo" e cos que "procuran dar a impresión de que se achegan solucións mentres os problemas continúan".

Á vista desta situación, esixen ao Sergas unha solución definitiva e reclaman aos gobernos municipais de Cerdedo-Cotobade e Forcarei "unha maior implicación" á hora de defender os intereses e dereitos da veciñanza e especialmente dos nenos e nenas.