A presidenta da Deputación invita a Jacobo Moreira a "googlear" para entender o que é unha área metropolitana

Pontevedra
23 de outubro 2015

Carmela Silva considera gravísimo que o PP busque sempre enfrontar os territorios e cualifica de "ridiculez" as críticas do portavoz popular no concello de Pontevedra sobre unha posible intención de Abel Caballero de crear unha quinta provincia a través da área metropolitana de Vigo  

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra
Carmela Silva invita a Jacobo Moreira a entender o que é unha área metropolitana /

A presidenta da Deputación provincial, Carmela Silva, considera gravísimo que o Partido Popular utilice todo politicamente para enfrontar aos territorios en relación ás críticas efectuadas polo portavoz do PP pontevedrés, Jacobo Moreira, sobre unha posible intención de crear unha quinta provincia a través da área metropolitana de Vigo.

Carmela Silva convidou ironicamente a Moreira a que entre en Google para que vexa en que consiste unha área metropolitana vendo como funciona a de Barcelona. Ademais tamén lle recomenda que fale co presidente da Xunta de Galicia, porque a área metropolitana é un tema que regula a administración autonómica.

"É tan infantil a busca deste debate falso", sinalou a presidenta provincial que insistiu en que os distintos concellos téñense que complementar e non entrar en debates de confrontación que non benefician a ninguén. E reiterou que falta nivel político por parte do Partido Popular.

VINDEIRO PLENO

O vindeiro mércores 28 de outubro celebrarase o pleno da Deputación, adiantándose para non coincidir o venres 30 coa asemblea constitutiva da FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) que presidirá o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

O pleno de outubro contará con varias intervencións de catro colectivos. A Federación Galega de Mulleres, unha representación dos emigrantes retornados, a asociación de veciños de Campelo e os Bombeiros forestais intervirán nesta sesión que dará paso ao debate político coas mocións sobre violencia machista, situación dos emigrantes retornados, a urbanización de Campelo en Poio, a pobreza enerxética e as necesidades dos bombeiros forestais.