A presión asistencial segue crecendo na área sanitaria, que ten xa 77 pacientes hospitalizados

Pontevedra
04 de novembro 2020

O último balance do Servizo Galego de Saúde reporta cinco pacientes na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo e 72 en planta. Este mércores a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten un total de 1.097 casos activos tras sumar 65 novos positivos na última xornada e dar o alta a 40 pacientes

Evolución da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a data 4 de novembro
Evolución da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a data 4 de novembro / Sergas

A presión asistencial é cada vez maior na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que suma xa 77 pacientes con covid-19 hospitalizados. Tras varios días de aumento lixeiro de ingresos, este mércores o crecemento foi maior do habitual e contabilízanse sete máis que o martes. 

O último balance oficial da pandemia realizado polo Servizo Galego de Saúde reporta cinco pacientes na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, un máis que o martes, e 72 persoas ingresados en planta de hospitalización

En concreto, estas 72 persoas ingresadas en planta supoñen seis máis que o martes e están distribuídas da seguinte forma: 54 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 3 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra e 15 no Hospital do Salnés

A área sanitaria segue sen frear a curva de contaxios e este mércores ten un total de 1.097 casos activos. Chegou a esta cifra tras sumar 65 novos positivos na última xornada e dar o alta a 40 pacientes. 

Estes datos implican que en Pontevedra e O Salnés hai 15 casos activos máis que o martes. Deles, 77 están hospitalizados e os 1.020 restantes están en illamento nos seus domicilios. 

Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 2.601 pacientes, 40 na última xornada, e faleceron por este virus na área sanitaria 33 pacientes, os dous últimos o luns.

En canto a realización de PCR’s, nas últimas 24 horas fixéronse 856, que elevan a 68.011 as xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés .

A nivel autonómico, este mércores o Servizo Galego de Saúde reporta 9.642 casos activos de coronavirus tras detectar nas 24 horas anteriores 628 casos confirmados por probas PCR. Descontados os pacientes que recibiron o alta no mesmo período, supón que hai 266 casos activos máis na comunidade. 

Segundo este balance, hai 483 pacientes hospitalizados e 80 en unidades de coidados críticos de toda Galicia. 

Ata o momento, desde o inicio da pandemia curáronse en Galicia 28.466 pacientes e faleceron 951 persoas. En total, tiveron ou teñen a enfermidade 39.058 persoas, realizáronse 713.800 probas PCR e 402.822 probas serolóxicas.