O avance da covid-19 na área sanitaria: 938 PCR's, 93 novos positivos e 1.137 casos activos

Pontevedra
05 de novembro 2020

Eses 93 novos contaxios, descontados os 53 pacientes que recibiron a alta médica, deixan a cifra total de 40 casos activos máis en toda a área sanitaria. Deles, 1.059 evolucionan nos seus domicilios baixo seguimento médico e en illamento, mentres que 78 están nos hospitais

Evolución da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a data 5 de novembro
Evolución da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a data 5 de novembro / Sergas

A covid-19 continúa o seu avance imparable na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que este xoves suma xa 1.137 casos activos e 78 pacientes hospitalizados.

Segundo o último balance do Servizo Galego de Saúde, na última xornada realizáronse 938 probas PCR' s e detectáronse 93 novos positivos entre pacientes da área sanitaria. 

Eses 93 novos contaxios, descontados os 53 pacientes que recibiron a alta médica, deixan a cifra total de 40 casos activos máis en toda a área sanitaria. Deles, 1.059 evolucionan nos seus domicilios baixo seguimento médico e en illamento, mentres que 78 están nos hospitais.

En concreto, este xoves hai un paciente máis nos hospitais que o mércores. En concreto, hai 4 pacientes con covid-19 na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, un menos que o mércores, e 72 ingresados en planta de hospitalización, dúas máis que o día anterior.

Os pacientes ingresados en planta están distribuídos da seguinte forma: 56 no  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 3 no Hospital  QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra e 15 no Hospital  do Salnés.

Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 2.654 pacientes, 53 na última xornada, e faleceron por este virus na área sanitaria 33 pacientes.

En canto a realización de PCR’ s, as 938 realizadas nas últimas 24 horas elevan a 68.949 as xa efectuadas desde o inicio da pandemia

A nivel autonómico, este xoves o  Servizo  Galego de  Saúde reporta 9.895 casos activos de coronavirus tras detectar nas 24 horas anteriores 734 casos confirmados por probas  PCR. Descontados os pacientes que recibiron o alta no mesmo período, supón que hai 253 casos activos máis na comunidade. 

Segundo este balance, hai 498 pacientes hospitalizados e 79 en unidades de coidados críticos de toda Galicia. 

Ata o momento, desde o inicio da pandemia curáronse en Galicia 28.964 pacientes e faleceron 960 persoas. En total, tiveron ou teñen a enfermidade 39.818 persoas, realizáronse 722.912 probas  PCR e 403.599 probas  serológicas.