Case un milleiro de persoas reuníronse este sábado no peirao de Arcade con motivo da primeira edición da ‘Gladiator Kids’ en Soutomaior, que ten como obxectivo fomentar o exercicio físico entre as crianzas con actividades saudables.
Case 250 nenos e nenas inscribíronse na proba e, acompañadas dunha persoa adulta, saíron en quendas cada 5 minutos, co obxectivo de percorrer no menor tempo posible o percorrido da carreira de obstáculos.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, subliñou o éxito desta I Gladiator Kids e sinalou que é un orgullo para Soutomaior que "un evento tan importante como a ‘Gladiator Kids’ teña lugar aquí no noso concello".
Lourenzo destacou que os pequenos e as pequenas participantes "pasárono xenial e desfrutaron dunha tarde incrible" e subliñou que Soutomaior se converte "cada vez máis" nunha referencia social, cultural e deportiva entre os concellos do resto da comarca.
"Somos un polo de atracción para a poboación doutros concellos, grazas á nosa completa axenda cultural, deportiva e social. Calquera persoa da comarca consulta a axenda de Soutomaior á hora de organizar os seus plans", sinalou Lourenzo, ao tempo que engadiu que isto pódese corroborar con datos e vese reflectido na economía local de Soutomaior, de maneira que "permite ao Concello contar con máis recursos para mellorar a vida da nosa veciñanza".