O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres o proxecto, os bens afectados e a urxente ocupación dos terreos precisos para construir a Ronda Leste de Pontevedra e resolveu as alegacións presentadas. A vindeira semana, a xunta de goberno da Deputación sacará a licitación a construcción desta importante infraestrutura de comunicación para a cidade de Pontevedra e o seu entorno.
A obra terá un presuposto de 2,5 millóns de euros, dos que 460.380 serán para as expropiacións precisas.
No periodo de alegacións, presentaronse 33 e só unha, que se rexeitou, demandaba a modificación do trazado previsto propoñendo levar o novo vial por unha zona máis ao norte e máis alonxada da actual. O resto, algunha das cales foi aceptada, referíase a valoracións e medicións dos terreos. A obra afecta a 33.473 metros cadrados de fincas de 63 propietarios.
A obra é froito dun convenio entre a Deputación e o Concello de Pontevedra,que será o encargado de abonar as expropiacións precisas en solo non urbanizable, común e rural.
O traballo definitivamente aprobado consiste na construcción da Ronda Leste de Pontevedra que irá dende a estrada Ponte Bora-O Pino ata a PO-532 estrada Pontevedra-Ponte Caldelas e inclúe o acceso a Montecelo e Príncipe Felipe.
A nova vía de circunvalación da cidade de Pontevedra terá dous carrís de 3,5 metros, arcéns de 1 metro e unha senda peatonal de 4 metros. Ao longo de 1 kilómetro, construiránse 3 glorietas.