Sae a licitación a Ronda Leste, que destinará 460.000 euros a expropiacións

Pontevedra
22 de maio 2015

A construción sae a licitación por un orzamento de 1,8 millóns de euros e cun prazo de execución de 9 meses. Na construción da estrada resultarán afectados 33.473 metros cadrados de terreo que pertencen a 63 propietarios diferentes. Este gasto correrá a cargo do Concello de Pontevedra en función do convenio asinado entre a Administración local e a Deputación

Trazado do primeiro treito da ronda urbana de Pontevedra
Trazado do primeiro treito da ronda urbana de Pontevedra / Concello de Pontevedra

A construción da Ronda Leste de Pontevedra, que comunicará as estradas Ponte Bora - O Pino e Pontevedra - Ponte Caldelas e inclúe o acceso ao hospital de Montecelo e Príncipe Felipe, sae a licitación por un orzamento de 1,8 millóns de euros e cun prazo de execución de 9 meses. 

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres sacar a licitación a obra, que une as estradas PO-542 e PO-532, e a institución provincial traballa coa previsión de que a obra poida estar rematada a finais deste ano ou principios de 2016

Dos 1,8 millóns polos que foi licitado o proxecto, 460.380 euros irán destinados a pagar as expropiacións, pois na construción da estrada resultarán afectados 33.473 metros cadrados de terreo que pertencen a 63 propietarios diferentes. Este gasto correrá a cargo do Concello de Pontevedra en función do convenio asinado entre a Administración local e a Deputación. 

A Ronda Leste terá dous carrís de 3,5 metros, beiravías dun metro e unha senda peatonal de catro metros. Ao longo dun quilómetro, construiranse tres glorietas.

VARIANTE DE REBÓN

A Deputación de Pontevedra tamén adxudicou a obra de construción da Variante de Rebón, no Concello de Moraña, á empresa Civis Global en 827.841 euros e un prazo de execución de cinco meses. Permitirá mellorar a seguridade vial nunha estrada que da acceso ao santuario dos Miragres de Amil.

A construción da Variante afectará a 68 parcelas, pois trátase dun trazado completamente novo da devandita estrada que implicará un alto gasto en pago de expropiacións.