Á procura da persoa que enviou unha mensaxe nunha botella de Coca-Cola atopada na Lanzada

O Salnés
09 de xaneiro 2023

Óscar e Carmen, unha parella que paseaba pola praia da Lanzada este domingo, quedaba sorprendida ao atopar unha botella de refresco que contiña un anaco de papel cunha mensaxe. As dificultades para entender o que aparecía escrito a man nese recorte provocou que espertara a súa curiosidade. A botella presenta un código de barrás portugués e a mensaxe aparece escrita sobre un anaco da revista Dica. Baseándose nestas pistas tentan coñecer a procedencia do comunicado

Botella de Coca-Cola onde apareceu a mensaxe Óscar Marina

Será un S.O.S.?, procederá dun náufrago?, que significan as palabras da mensaxe aparecida nunha botella este domingo na praia da Lanzada?

Estas e máis preguntas pasan pola cabeza de calquera que atopa unha mensaxe nunha botella. Óscar e Carmen, unha parella que paseaba durante a tarde do 8 de xaneiro pola praia do Salnés, analizan moitas destas cuestións despois de atoparse cunha botella de Coca-Cola arrastrada pola marea. Comprobaron que no seu interior había un anaco de papel. Conseguiron extaerlo e a súa sorpresa foi grande ao atopar escritas varias palabras e a data do 1 de abril de 2010.

A partir dese momento desatouse a curiosidade e comezaron o seu proxecto de investigación. O papel no que estaba escrito a mensaxe correspóndese cunha páxina da revista portuguesa Dica, que publicaba a firma de supermercados Lidl anos atrás. 

O recorte recolle a data en que foi editada a revista: a "quinta-feira, Março 2010". Ademais, o código de barras da botella tamén se corresponde con Portugal. Desta forma, entenden que procede do país veciño.

A partir destes primeiros datos, Óscar e Carmen puxéronse en contacto cun perfil de Instagram denominado plasticus_maritimus, que se dedica a colleitar obxectos dos areais portugueses. Tentaban obter algunha información para coñecer algún dato máis sobre a procedencia deste mensaxe pero o resultado foi infrutuoso.

Tamén solicitaron axuda a través do grupo de Facebook de descendentes de mariñeiros pero tampouco lograron éxito na súa procura. O seu propósito é seguir tentándoo ata saber quen foi a persoa autora do escrito.

Cren que a caligrafía se corresponde con alguén de idade avanzada e intúen que as primeiras palabras desexan "Boa pascua", ao relacionar este desexo coa época de Semana Santa en 2010, que coincidiu a principios de abril. 

En todo caso, prometen seguir buscando por internet co obxectivo de resolver o misterio da botella de Coca-Cola.