A provincia aspira a ser o primeiro territorio intelixente certificado a través do Plan Estratéxico de Turismo

Pontevedra
18 de decembro 2020

Carmela Silva, presidenta provincial, indicaba este venres que a Deputación quere impulsar a dixitalización e fortalecer o ecosistema turístico para establecer un modelo de crecemento sostible neste sector dacordo cos parámetros marcados pola Axenda 2030

Carmela Silva, presidenta da Deputación, explica o Plan Estratéxico de Turismo 2021-23
Carmela Silva, presidenta da Deputación, explica o Plan Estratéxico de Turismo 2021-23 / Deputación de Pontevedra

As grandes liñas de traballo do Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023 centraranse na dixitalización do sector e no fomento do ecosistema turístico para promover un crecemento sostible segundo o marco establecido pola Axenda 2030. A presidenta da  Deputación Carmela Silva presentaba este venres as ideas previstas para estes próximos anos neste campo atendendo aos 4,5 millóns de euros de investimento previsto, que se reforzarán con  finaciación europea.

A presidenta espera que o 2021 permita a chegada de visitantes e alertou da necesidade de prepararse para ter un turismo aínda máis avanzado do que se impulsou no últimos cinco anos baseándose na creación de emprego e de riqueza tamén para os residentes nos municipios. 

Para levar a cabo este proceso, Silva avanzou que é necesaria a transformación dixital do sector turístico de maneira inclusiva e sostible, ofrecendo ás persoas viaxeiras hiperconectadas deste século experiencias desde que buscan o seu destino ata que o gozan, impulsar tamén propostas innovadoras e marcar unha identificación do destino polo desenvolvemento da cadea de valor turístico.

O plan recolle sete obxectivos centrados, entre outros puntos, en establecer unha metodoloxía adaptada ao sector, fortalecer a capacidade institucional, reducir a fenda dixital a través da conectividade en todo o territorio; consolidar esquemas de colaboración entre entidades públicas e privadas, ademais de potenciar o valor da marca Rías Baixas.

Carmela Silva indicou que a provincia de Pontevedra é líder en Galicia en todos os parámetros de destino turístico con 281 establecementos distinguidos no SICTED, 128 entidades con certificado  Q de calidade, 52 praias e cinco portos deportivos con bandeira azul, 52 festas de interese turístico e 5 roteiros recoñecidos do Camiño de Santiago. Ademais, a presidenta aproveitou para destacar que é a provincia co maior número de 'Estrelas Michelín' de Galicia, ao contar con 9 e dúas verdes.

O seguinte paso previsto será o desenvolvemento de mesas de traballo participativas en xaneiro para abordar as perspectivas de dixitalización e a sustentabilidade, entre outras cuestións relacionadas coa Axenda 2030. Tamén se entrevistará a 20 persoas expertas en distintos obxectivos deste Plan que, segundo manifestou Carmela Silva, permitirá converter á provincia de Pontevedra e, en concreto ás Rías Baixas, no primeiro territorio intelixente certificado.